Por las ramas (dC): Dani Navedo

Publicado el 1 junio, 2017 en Compostela, Coworkers, Coworking, Espacio Nido, Permanentes
w0
k 0

Falamos con Dani, profesional do márketing dixital e SEO, que recentemente chegou ao Espacio Nido Compostela. Ímolo coñecer un pouquiño máis.

  • O primeiro sempre é presentarse, fálanos un pouco de ti e a que te dedicas.

O meu nome é Dani Navedo e dende hai aproximadamente 3-4 anos centro o meu traballo na xestión da publicidade e outros puntos relacionados co marketing dixital de diferentes empresas. O meu traballo envolve dende todo o relacionado coas redes sociais ata temas de SEO, ademais do deseño web e outras tarefas vinculadas a el.

  • Sabemos que comezaches como autónomo dende moi novo, ¿que foi o que te levou a tomar esa decisión?

Sinceramente, diría que a principal motivación era poder ter os meus propios horarios. Nunca me gustou madrugar e sempre preferín ter liberdade á hora de escoller a que hora traballar. Ademais, dinme conta de que o meu hobby se estaba convertendo pouco a pouco nunha profesión, polo que, nun determinado momento  tiven que decidir entre profesionalizarme ou abandonala, e escollín a primeira das opcións.

  • ¿Cal foi a túa traxectoria profesional até a actualidade?

Todo comezou cun blog que abrín alá polo 2008, cando houbo o “boom” das bitácoras virtuais, no que escribía sobre fútbol. Chamábase “El fútbol es injusto”. Decidín centrarme no mundo do xornalismo deportivo e comecei coas miñas crónicas e análises dos partidos dos equipos que me gustaban. Pouco a pouco, o blog foi medrando en número de colaboradores e aumentando o seu nivel. Chegou un punto no que me levaba tanto tempo plasmar ideas para mellorar a web, contestar correos, xestionar redes sociais, etc… que xa non non tiña tempo para escribir. Funme formando gradualmente no que me facía falta, segundo as necesidades da páxina, e nese momento poderíase dicir que foi cando descubrín que desfrutaba máis realizando todas esas tarefas que escribindo. Tentamos facer xornalismo deportivo de calidade, pero finalmente perdemos contra o “xornalismo lixo”. Tiven que pechar o proxecto, pero por sorte para min, o que aprendera durante todo ese tempo podo empregalo hoxe en día e podo vivir de realizar unhas trarefas que me encantan.

  • ¿Por que decidiches comezar a traballar nun coworking e en particular, no Espacio Nido Compostela?

Aínda que me encanta o meu traballo, fáltame algo para sentirme completamente realizado: desenvolver as miñas propias ideas, os meus proxectos. A miña intención é traballar nelas polas tardes, dedicar parte do meu tempo libre a avanzar con proxectos persoais. Aprender doutras traballadores na mesma situación ca min é tamén outro dos obxectivos. ¿Por que Espacio Nido? Polo espazo de traballo, agradable e acolledor, e tamén porque o teño preto de casa, algo que tamén inflúe.

  • ¿Que cres que che pode aportar ser usuario dun coworking?

Compartir vida con xente co mesmo tipo de mentalidade ca min e atopar xente coa que colaborar en diferentes proxectos, aínda que sexa indirectamente. Cando só pensa unha cabeza é frecuente atopar problemas derivados da falta de coñecementos. Se tiveses que formarte en absolutamente todas as materias, podería levarche días solucionar unha traba que a outra persoa podería levarlle cinco minutos. O traballo colaborativo, pódeme aportar esa vantaxe do traballo en equipo, algo imposible de ter traballando dende casa.

  • Deixando o traballo a un lado, temos entendido que che gustan os videoxogos, ¿es de partida cos colegas ou egamer?

En persoa, se é posible,  sempre mellor e priorizando pasalo ben a gañar. Iso si, mellor que non me piquen…

  • Á parte dos videoxogos, ¿que é o que che gusta facer cando levantas a vista do ordenador?

Dende xogar ao fútbol, ata tomar unhas cañas cos amigos, pasando por ir a algún concerto ou algún evento tipo monólogo ou similares. O fútbol é das cousas que máis me quita o estrés, ou tomar algo cos amigos nunha boa terraza  ao fresco, algo que non ten prezo para alguén que traballa habitualmente dende un coworking ou dende casa.

  • Seica andas buscando xente coa que xogar pachangas de fútbol sala, se queres podes aproveitar esta entrevista para buscar compañeiros. 😀

Pois un pouco o dito, é das cousas que máis boto en falta dende que cheguei hai uns meses a Santiago, polo que se algunha alma caritativa se anima a organizar un partido por Santiago ou arredores, que me avise canto antes 😉

Daniel Navedo
Marketing dixital e SEO

Facebook: https://www.facebook.com/dani.navedo.75
mail: navedo@gmail.com

About the Author

CompostelaVer todos los posts Compostela >

0 Comentarios

Deja una respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *